O pasado día 12/01
puidemos coñecer unha profesora nova, Luz Valencia. Despois da
primeira sesión que tivemos, paréceme que esta materia vainos
servir de moita axuda de cara a nosa aprendizaxe como futuros
docentes. Para que non quededes coa dúbida, vouvos contar nas
próximas liñas todo o que me levaron a pensar os contidos
traballados ese día.
A actividade Two truths
and one lie pareceume unha opción moi boa para conseguir romper o
xeo, captar a atención do alumnado e motivalos. Para min xa era
coñecida, xa que a descubrín o ano pasado nun curso que fixen de
ELE. Penso que é de gran utilidade e axuda tanto para o docente como
para os discentes xa que ofrece unha perspectiva de traballo
considerablemente ampla. É un xogo co que o alumnado aprende e por
se fose pouco, poderíase facer de maneira que non sexa sempre o/a
docente o que expoña datos da súa vida. É dicir, podería levala a
cabo o primeiro día o docente para que o alumnado entenda a
mecánica, pero logo para outras ocasións estaría xenial que fose
saíndo o alumnado. Este podería contar coa axuda do/a docente para
expor no taboleiro oracións formuladas correctamente. Desta maneira
lograríase crear un grupo máis unido e máis conectado que, en
consecuencia, traballará en armonía.
Alén disto, tamén me
resultou chamativo a necesidade que ten o alumnado hoxe en día de
saber manexar ben un diccionario. Paréceme unha ferramenta
fundamental para resolver dúbidas e aprender aspectos
characterísticos dunha lingua como poden ser os idioms, os phrasal
verbs, false friends ou mesmo as collocations. Dende o meu punto de
vista, no mundo das linguas esta capacidade non pode faltar. Ademais,
aínda que veño de filoloxía e non de tradución, considero
importantísimo alertar ao alumnado dos problemas que pode causar o
Google translate, a pesar de que nos agasalle cunhas traducións do
máis graciosas.
En canto á corrección
de redaccións puiden ver dende a miña experiencia como se deu ese
cambio na estratexia. Durante a miña formación no instituto e
primeiros anos de carreira recibín erros tachados e correxidos en
vermello. Na carreira isto cambiou cando nos comezaron a dar clase
lectores, xa que con eles comezamos a recibir os erros marcados pero
non correxidos e algúns deles incluso agrupaban nun documento
oracións con erros collidos das redaccións de todo o grupo para
logo analizalos e correxilos en clase xuntos. Esta maneira de
correxir paréceme sen dúbida moi útil e interesante, así o
alumnado deixa de ver tachóns vermellos que resultan violentos e
tendo que pensar e correxir os erros considero que a aprendizaxe se
interioriza mellor.
O que máis me sorprendeu
claramente é esa iniciativa do alumnado que puidemos comprobar ao
ver o material creado por eles. Encantáronme esas dúas rapazas que
decidiron entrevistar a un turista e traballaron para facelo o mellor
posible. Consideroo algo que mostra claramente ganas de aprender,
entusiasmo e valentía para querer desenvolverse nunha situación
real. O video da rapaza cantando tamén me pareceu fascinante, pero
impactoume tamén polo feito de que a min non me puñan este tipo de
traballos para facer.
Dende logo, encontro moi
bo o feito de traballar cunha variedade ampla de materiais para que o
alumnado teña a oportunidade de traballar coa lingua real. Unha vez
máis remato pensando que o sistema educativo non é o factor
absoluto, senón que os/as docentes e discentes teñen moito que ver
á hora de traballar, motivarse conxuntamente e aprender uns de
outros.
“In learning you will
teach, in teaching you will learn”
- Phil Collins -
Que bonita, a cita de Phil Collins, que certo é! Eu aprendo moito dos vosos blogs, de verdade.
ResponderEliminar