TEMA 8
AS LINGUAS ESTRANXEIRAS COMO FENÓMENO GLOBAL: EXPERIENCIAS EDUCATIVAS NON-EUROPEAS
Para comezar a traballar este tema, a profesora empregou uns minutos para tratar algúns puntos principais da adquisición de linguas. Desta maneira, explicou brevemente o funcionamento do cerebro e a súa lateralización e tamén nos falou da área de Broca, zona na que se se producen lesións implica dificultades á hora de falar, e da área de Wernicke, zona que se resulta danada implica dificultades para a comprensión da linguaxe. Durante a carreira din a asignatura de adquisición e pareceume un tema do máis interesante sobre o cal sempre teño curiosidade, debido a isto pareceume moi ben que se fixese unha pequena introdución sobre isto para o alumnado e incluso me tería gustado ter afondado máis neste tipo de temas.
Nas clases nas que traballamos este tema puidemos ver aspectos moi interesantes e importantes de cara a nosa formación xa que se nos explicaron os métodos de aprendizaxe que se foron creando ao longo dos anos para a ensinanza de idiomas. Resulta de gran utilidade xa que como alumnos de linguas que somos tamén podemos apreciar cal destes métodos empregaron con nós e se resultaron eficaces ou non.
Así, os métodos que estivemos vendo son:
- Gramática e tradución
- Directo e Natural
- Oral e Situacional
- Por Tarefas
- Audiolingüe
- Comunicativo
- Resposta Física Total
- Do Silencio
- Suxestopedia
Puidemos ver en qué epoca xurdiu cada un deles e cales son os principios nos que se basa. Pero non só iso, senón que tamén nos decatamos de que o método tradicional, o de gramática e tradución, é o que máis se empregou para a nosa aprendizaxe e o que aínda hoxe se segue empregando con maior frecuencia que os demais. Falamos tamén dos aspectos positivos e negativos que nos brinda cada un dos enfoques. Por exemplo, o método gramática e tradución non lle presta atención á competencia oral o que mostra que empregando únicamente este método o alumnado non aprende a falar a lingua meta. En contraposición con este método tradicional atopamos por exemplo o método do silencio, o cal se centra exclusivamente na producción oral do alumnado, pero desta maneira o alumnado tampouco asenta unhas boas bases de coñecemento para expresarse correctamente.
Ademais destes factores, tamén puidemos ver que cada un dos métodos resulta de gran utilidade para manexar o ritmo e enerxía da clase. Por exemplo, se vemos que o alumnado está ainda apagado e que precisa espabilar podemos iniciar a clase con algunha actividade de resposta física total, logo unha vez que están espertos podemos facer que se centren en exercicios un chisco máis aburridos seguindo o método de gramática tradución. Pola contra, se resulta que nos atopamos co alumnado demasiado axitado porque veñen do recreo ou acaban de sair dun exame, podemos empregar a suxestopedia para que se calmen e logo incluso aproveitar e continuar con algún tipo de actividade do método comunicativo. O enfoque por tarefas sería interesante para promover o traballo en equipo no que teñan que rematar a materia coa realización dun proxecto basado en pequenas actividades previas, así a todo este enfoque penso que habería que empregalo sen abusar xa que dende o meu punto de vista podería resultar de pouco interese se non ten un bo plantexamento.
Despois de termos visto os enfoques de aprendizaxe, a profesora animounos a pensar tres actividades que se adaptasen a unha clase de nivel B1, de duración de 45 minutos, na que tivésemos que centrarnos no método silencioso, suxestopedia e a resposta física total. Traballamos por parellas e logo comentamos en clase cales eran as ideas que se levarían a cabo. Desta maneira, a miña compañeira máis eu pensamos en facer para a resposta física total o xogo chamado “Simon says” co que se aprenderían as preposicións dunha maneira amena e activa. Logo, para o método da suxestopedia pensamos que non viría mal que @ profesor/a fixese a descripción dunha habitación mentres o alumnado tería que debuxar a habitación mentres escoita o que se está describindo, nesta actividade tamén se reforzarían as preposicións. Para finalizar co método silencioso, pensamos que logo a imaxe que se estaba describindo na actividade anterior fose proxectada para que o alumnado a vise, comparase a imaxe orixinal co seu debuxo e logo describisen eles en voz alta. Empregaríanse aproximadamente 15 minutos para cada actividade. As propostas dos outros grupos tamen contiñan moi boas ideas e puidemos ver que a todos nos convenceu a idea do xogo de “Simon says”.
Para rematar o tema, todo o alumnado chegou á conclusión de que o método ideal é a combinación dos aspectos positivos que nos ofrece cada un deles. Tendo en conta isto, podemos sacar moitísimo partido de cada un de maneira que resulten eficaces para a prendizaxe de linguas do alumnado. Dende o meu punto de vista, quedounos bastante claro que centrarnos nun so método non resulta eficaz, tal como puidemos comprobar na nosa propia pel cando empregaban maioritariamente o método gramática tradución. Ademáis, as presentacións levadas a cabo polas miñas compañeiras permitíronnos comprobar que, certamente, cada un dos métodos se adecúa mellor a determinados contidos da materia e, en combinación, todas as destrezas serían traballadas e postas en práctica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario