Mostrando entradas con la etiqueta Carlos Valcárcel. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carlos Valcárcel. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de febrero de 2017

QUE PAGUE A ALEGRÍA E NON A PENA !

Despois destes meses levamos leccións aprendidas e frustracións superadas. No meu caso, cheguei unha semana despois de que o mestrado comezase, e lembro como durante eses primeiros días  xs compañeirxs xa me informaban desesperados co mal que pintaba a cousa. Afortunadamente, co paso dunhas semanas todo foi collendo mellor xeito e xa notabamos todos que a nosa motivación reaparecía coa curiosidade das novas asignaturas que nos ofrecían novos contidos que aprender.

Pero a verdade é que foi con esta última asignatura de didáctica coa que todos collemos esas ganas e ilusión por acadar as nosas metas e probar cousas novas. Carlos deunos teoría pero tamén moitas perspectivas prácticas que nos encheron de curiosidade e ánimos ao ensinarnos estratexias do máis interesantes. Con Ana e Luz puidemos albiscar un chisco do que é dar clase en secundaria, pero sobre todo puidemos ver numerosas dinámicas para romper esa idea de que ir a clase supón unha tortura. Gracias polas actividades que nos ensinastes, polos libros, pola teoría, polas anécdotas, polo bo ambiente, polos consellos e por fomentar a nosa educación e as ganas de espallala xunto cos coñecementos da lingua inglesa. Gracias pola cercanía mostrada constantemente.

Agradecer por suposto a todo o profesorado en xeral, xa que de todo se aprende e tamén nos ofreceron coñecementos que precisamos así como maneiras de ver as cousas e como afrontalas.

En canto ao grupo, agradecer termos funcionado tan ben. Un bo ambiente moi logrado en todo momento no que tivemos tempo de intercambiar ideas, experiencias e como non, consellos sempre que nos fixo falla. Aínda que xa coñecía a algunha xente, estes meses foi un placer volver coincidir e incluso coñecernos mellor. Á xente que coñecín no mestrado, sorprendeume para ben de verdade. Da gusto cadrar con xente coa que poder compartir metas polas que loitar e moito que aportar. Agardo que sigamos en contacto e poidamos facer algunha que outra reunión na que poidamos rirnos dos nosos logros e fracasos sen esquecer as anécdotas que poderemos coleccionar. 

Agora, comezamos prácticas e quédame por comprobar se realmente sirvo para isto ou non. En canto ao blog, pode que siga escribindo novas entradas para contar actividades que poña en práctica estas semanas ou mesmo para gritar e buscar inspiración, who knows ! Jaja

O que si teño claro é que quero facelo o mellor posible e disfrutar deste novo camiño, sen máis, decirvos que agardo que saquedes o máximo partido das prácticas e que todas as metas que vos propoñades paguen a alegría e non a pena...!!

Vémonos pronto.

GRACIAS POR TODO


Érase unha vez un grupo de inocentes alumnos en busca
de convertirse en profesores de inglés
que se conocieron en el CUVI, Vigo
y creían que todo iba a ser diferente…
Pero todo cambiou cando chegaron a Deseño Curricular
Llevaba la parte del huevo, que no era la yema (la CLARA).
Todo parecía oscuro hasta que por fin vimos la LUZ.
¿VIEITES (vistedes) como non era tan duro?
¡VARE-LA (vale la) pena hacer este máster
para coñecer a xente maja e marabillosa!
Pronto chegou ANAlxésico para calmar os nosos medos,
CARLOS (cando) pensábamos que estaba todo perdido
SONIAmos (solíamos) pensar que tendríamos un HERMESo futuro,
Pero la niebla a veces nos ciega la visión
y nos hace perdernos entre /softgüares/ y /tijers/.
Pero de todo isto saiu unha unión moi grande,
sobre todo porque nos comprometemos a firmar un contrato e subilo a faitic.
Porque al final, we all wANNAchieve lo que nos interesa
Ser los mejores TEACHERS EVER!

P.D.: Dayna se dice como reina pero con ‘D’.





domingo, 12 de febrero de 2017

Sesión final: reflexionamos ?

Durante a sesión final con Carlos Valcárcel fomos convidados a reflexionar sobre a asignatura de didáctica. Así, estivemos reflexionando primeiramente de maneira individual e logo unha posta en común sobre o que aprendemos estas semanas, cómo o podemos aplicar e qué podemos facer para seguir formándonos. 

E en verdade puidemos ver que, finalmente, os COÑECEMENTOS adquiridos non foron poucos: 
  • O concepto do feedback (retroalimentación)
  • Scaffolding como concepto
  • Facer avaliacións útiles e efectivas
  • Elaborar actividades máis comunicativas
  • CALL: usos e utilidades
  • Importancia do enfoque comunicativo e significativo
  • Saber sobre distintos enfoques didácticos (young & senior lerners)
  • Diferenciar entre enfoques metodolóxicos e didácticas
  • Coñecer instrumentos de avaliacións
  • Coñecer as novas ferramentas para poder avaliar as distintas competencias
  • Facer tutorías productivas
  • Aproveitamento do traballo en equipo
  • Tratamento e inclusión de contidos transversais

Pero, por se isto fose pouco, as COMPETENCIAS asimiladas tampouco quedaron curtas...como podedes ver a continuación:
  • Facer das avaliacións un proceso útil e constructivo como parte da aprendizaxe
  • Uso dun blog con fins educativos
  • Botar man das redes sociais para dinamizar a aprendizaxe
  • Ser consciente da metodoloxía empregada e do impacto que esta poida causar no proceso de ensino-aprendizaxe
  • A lectura e escritura como ferramentas para avanzar e profundizar os coñecementos dunha lingua estranxeira
  • Saber motivar ao alumnado
  • Empregar actividades interesantes e amenas que se cntren nas necesidades do alumnado
  • Uso coherente das TICs
  • Creatividade e innovación
  • Afectividade > O AFECTIVO É EFECTIVO <


QUÉ VOU APLICAR ? 
  • Todos os aspectos vistos son de verdadeira importancia, por iso considero que deberei telos todos en conta prestándolle especial atención a:
  • Unha avaliación xusta e transparente así como un tratamento do erro que non frustre
  • Metodoloxia CALL, sempre con responsabilidade 
  • Mostrar a suficiente cercania como para comprender ao alumnado e que non me teman á hora de resolver dúbidas, problemas persoais, etc.
  • Empregar todo tipo de estratexias que dinamicen a aprendizaxe con todas as competencias, lograr que o alumnado disfrute da aprendizaxe


Ademais disto, estivemos falando de qué medidas podemos tomar para seguir mellorando e actualizando a nosa FORMACIÓN CONTINUA:
  • Ver documentais (para actualizarme no tratamento individual do alumnado por exemplo)
  • Ir a cursos que atope ofertados cando teña certo tempo libre
  • Contrastar cos puntos de vista dos meus compañeiros de profesion
  • Ler bibliografia especializada
  • Consultar blogs
  • Unirse a comunidades de práctica educativa
  • Asistir a aulas de compañeirxs en youtube
  • Consultar ao departamento de orientación

Como hai que ser realistas, marco en negriña as medidas que considero máis ao meu alcanc polo d agora. De feito, xa son medidas que estou levando a cabo por curiosidade e tamén para o desenvolvemento do TFM. Agardo nalgún futuro poder levar a cabo algunha das outras medidas xa que considero que ofrecen unha perspectiva diferente para a nosa aprendizaxe e madurez profesional. Entre estes propósitos tamén agardo disfrutar do traballo que leve a cabo e ser quen de apreciar todo o que esta profesión me poida chegar a aportar. 

Avaliación

O pasado día 30/01 tivemos unha sesión con Carlos Valcárcel na que puidemos aprender un pouco máis sobre a avaliación. 

Hai unha idea fundamental que debemos ter sempre en conta á hora de falar deste tema, o obxectivo dunha avaliación non é facer que o alumnado se identifique cunha calificación numérica. É dicir, a partir da correción, debemos ter a capacidade de ver qué se pode facer para que o alumnado acade uns bos resultados e logre mellorar e superarse. Ademais, a corrección supón o feito de que o alumnado recibir un feedback no que se recollan aspectos negativos que se deben traballar pero tamén aqueles positivos. Desta maneira, faremos que a motivación non decaia e manter as ganas de que queiran seguir mellorando e aprendendo. 

Como actividade introductoria para esta sesión fixemos un debate piramidal para chegar a concretar os aspectos comúns atopados na maneira na que nos avaliaban a nós como estudantes. Finalmente, todos estabamos de acordo nestes tres aspectos: 

  • As competencias en sí mesmas carecían da relevancia correspondente, xa que debido aos métodos máis tradicionais tendíase a correxir todo o que estivese escrito nun papel, xa fosen redaccións ou exercicios mecánicos de gramática e vocabulario.
  • Falta de claridade á hora de denominar os criterios de avaliación co cal non se chegaba a saber moi ben cales eran o factores a ter en conta.
  • O alumnado non recibía un feedback constructivo, senón que se marcaban os erros en vermello e en moitas ocasións non se chegaba a entender o motivo polo que non estaba feito correctamente. 

Puidemos ver que para avaliar non temos que depender de ningún tipo de norma en concreto, pero sí ter presente e reflexionar sobre cal pode ser a maneira máis transparente e xusta para todos. Unha maneira sinxela para saber cómo facer é pensar en cómo nos tería gustado que non avaliasen a nós. 
En función disto, son xs docentxs xs encargadxs de decidir as competencias que pesan máis dependendo o tipo de actividade ou tarefa (facendo que o alunado sempre teña estes criterios presentes claro). Logo disto tamén cómpre ter en conta qué tipo de ferramentas nos funcionan mellor. 

Alén disto, parecéronme moi importantes os tres principios básicos que temos que ter en mente á hora de avaliar:
  • Validez: ten que demostrar que o que estamos avaliando está verdadeiramente asimilado e aprendido e mostre claramente en qué nivel se atopa cada competencia.
  • Fiabilidade: o alumnado que se atopa aproximadamente ao mesmo nivel debe obter os mesmos resultados facendo a mesma proba, ou polo menos resultados moi semellantes.
  • Factibilidade: tan sinxelo como ser consciente se é posible de facer tendo en conta o número de alumnado, o tempo dispoñible, a cantidade de mostras que se queiran obter e a concentración que vai esixir a proba que o alumnado vai ter que realizar.

En xeral tendemos a pensar que só existe a avaliación final, e realmente o concepto en sí engloba distintos tipos como poden ser a avaliación inicial ou a autoavaliación, entre outras.

Outro aspecto que considero importante é o papel do profesor xa que debe simular un falante nativo e reformular os erros para axudar ao aprendiz, o papel do profesor tradicional que escoita sentado de brazos cruzados debe deixar de existir. Ademais, pareceume curioso que a partires do nivel A2-B1 xa se poden comezar a empregar palabras non transparentes. 


AVALIAR É DAR FEEDBACK !

viernes, 10 de febrero de 2017

Outro Artigo Interesante

A raíz do tema de CLIL, atopei o artigo seguinte: 


Compartoo con vós non só porque me parecen interesantes os aspectos que trata senón tamén porque me parece preocupante que se poidan suceder por moi mínima que sexa a porcentaxe. Sorpréndenme as ideas que se tratan e dame pena non telo atopado antes para comentalo en clase. 

Convídovos a que o leades de verdade. Nunha das entradas anteriores, comentei que o CLIL resulta unha metodoloxía que precisa dun bo plantexamento para que funcione ben. Até aí todo ben. Pero claro, o que a min me preocupa é que se fale de BILINGÜÍSMO e PLURILINGÜÍSMO como algo segregador e elitista, cousa que non resulta difícil de pensar se se ten en conta que os primeiros centros en acadar o CLIL e os que máis se "venden" son privados e concertados. Pero iso consideroo como que é o simple feito de que non funcionan igual a educación privada e a pública, e iso é algo que todos sabemos. Sen embargo, tratan isto como algo segregador dentro dos propios centros xa que supón o antiintegracionismo por así decilo. A verdade é que me choca non ter pensado nisto...e cóstame visualizar a organización xa que non tiven a oportunidade de ter esa experiencia no centro no que me formei.

Outros aspectos que se tratan son o colonialismo, o empobrecemento dos contidos así como o negocio que supón o bilingüísmo...

En xeral, considero que mentres o sistema educativo non loite por un eriquecemento común no que todo o mundo teña posibilidades de acadar un futuro axeitado continuarán surxindo problemáticas...penso que todo depende dun bo plantexamento. 



martes, 31 de enero de 2017

Recomendo un par de cortos...

Nunha das súas sesións, Luz mencionou e recomendounos un corto que acabo de ver agora mesmiño. Titúlase KNICK KNACK e servirianos de material para empregar a técnica de predecir xa que se trata de algo similar ao que vimos en clase de Ormie Wants Cookies. 

Isto fíxome ter en conta que este tipo de videos pódennos servir de gran utilidade para plantexar diversas actividades dependendo o que queiramos traballar. Podemos levar a cabo a técnica de predecir e que o alumnado faga hipóteses. Podemos incluso empregar videos que conteñan lingua en formato de audio, facer un primeiro visionado sen son para que non se dea a coñecer a historia tal cual é. Despois deste primeiro visionado sen son o alumnado podería falar sobre aquelas cousas que pasan que se aprecian claramente e logo facer hipóteses de aqueles detalles que non están tan claros. Logo disto, faríase un segundo visionado a ver se acertaron nas súas predicións. 

Un aspecto positivo que considero que nos aportan os cortos é que son un material estupendo tanto para pequenos como para maiores xa que algúns deles ofrecen contidos educativos moi interesantes. 
É por isto polo que non me podo resistir á recomendación de dous cortos que tratan sobre a inclusión e comprensión de aqueles que se enfrontan a unhas dificultades que as veces nos costa comprender. 

Un deles, é EL CAZO DE LORENZO. De feito, a versión orixinal deste en concreto é en francés co cal sería bo para empregar en clase de francés se vos gustase (non o busquei en francés pero se o fago e o atopo podo engadilo aquí). O outro que recomendo é CUERDAS, para que poidades ver este enteiro déixovos o link dun blog xa que non hai maneira de atopalo enteiro en youtube. Tamén o podedes atopar en páxinas onde se ven series/películas online. Este último habería que ver se ten versión en inglés, xa que se puido ver en máis de cincuenta países. Igual xa os coñecedes incluso. 

Considero que se non se traballan na aula tamén nos serven para nós mesmos como futuros docentes que queremos ser. Penso que temos que ter sempre en mente que cada alumno/a é un mundo diferente e que, en caso de atoparnos con casos realmente especiais, pois teremos ante nós primeiramente un reto incrible pero tamén unha posibilidade para superarnos como profesionais e persoas. 



domingo, 29 de enero de 2017

ENFOQUE POR TAREFAS

Un dos temas sobre o que tamén aprendemos nunha das sesións con Carlos Valcárcel é o enfoque por tarefas. Existe como metodoloxia dende os 80 principios dos 90. Trátase dunha aprendizaxe baseada na resolución de problemas da vida cotiá que o alumnado ten que resolver. Tamén é denominado aprendizaxe por proxectos, xa que o obxectivo final é resolver unha proposta que require de pequenas tarefas previas. Podémolo atopar no MCERL. Ademais, este enfoque está influenciado directamente non só polo constructivismo, xa que se leva a cabo un proceso de construcción, senón tamén polo conectivismo debido á aprendizaxe colaborativa que representa unha das vantaxes que ofrece.

"TEAMWORK DIVIDES THE TASK 

AND

 MULTIPLIES THE SUCCESS." 

UNKNOWN 


Unha das principais estratexias desta metodoloxía é a andamiaxe (scaffolding) xa que ofrece unha variedade de técnicas dependendo da competencia que queremos traballar. Por exemplo, repetir varias veces un listening para que se entenda. Facer unha lista do que che gusta e o que non, achéganselles aos alumnos writing friends (estructuras que poidan usar para expresar esas ideas en canto ao tema proposto). Unha tarefa constrúese sobre as anteriores, as tarefas que se van seguir teñen que ser consecuentes coas que se están traballando con anterioridade. 

Tal e como comentei nas liñas anteriores, o alumnado ten  que levar a cabo tarefas reais, por exemplo unha lista da compra ou facer o cartón de convite para a túa festa de aniversario. Outro exemplo sería aprender a redactar un mail para comunicar que un producto que se mercou está defectuoso.Trátase de tarefas pedagóxicas. Resulta importante sempre exemplificar ou mostrar as estruturas coas que se traballa e achegar tutoriais das ferramentas que se van empregar para a tarefa. Tamén se pode por un exemplo dun proxecto rematado para que o alumnado o visualice e se faga unha idea.

Este enfoque parte do punto de vista dunhas tarefas facilitadoras que nos permitirán facer a tarefa final. Teñen que aparecer de maneira recorrente para que sirvan de utilidade. É preciso presentar unha lista dos elementos lingüísticos que se queren traballar ao programar unha tarefa determinada. 

Para este enfoque é preciso ter en conta a noción de función comunicativa. A tarefa comunicativa debe servir para producir algo en lingua estranxeira, algo máis alá da tipica redacción, unha actividade que reflexe a producción de algo real. O aprendente debe reflexionar sobre o producto final. Por exemplo, presentarse ou buscar información (macrofunción) ou buscar un apartamento (microfunción). Outro exemplo sería marcar unha data para quedar con alguén. Trátase de tarefas que implican o emprego de estruturas e vocabulario requerido para funcións comunicativas especificas relacionadas coa vida real. Pola contra, unir items en columnas non é unha tarefa comunicativa xa que non se trata dunha aprendizaxe activa. Tamén ten relevancia o coñecemento significativo xa que vai asociado a unha serie de experiencias. 

Unha tarefa ten a finalidade de que o aprendente se convirta en ususario e falante da L2. Debe ter unha perspectiva xa que se trata dun plan de traballo cunha secuencia encamiñada a un fin: focus on form e focus on meaning sen deixar de empregar os exercicios estruturais (drills), que van estar integrados na secuencia de significado. A tarefa debe mobilizar competencias lingüísticas e procesos cognitivos. Ten que haber un resultado final en lingua estranxeira a ser posible oral e escrita (minimo oral sempre), audio, video, foto, etc. 

Despois de dispor deste coñecemento sobre o enfoque por tarefas, traballamos en grupo para propor unha tarefa posible. No meu grupo, decidimos que sería unha boa idea ter como obxectivo organizar unha festa de aniversario. Sen embargo, unha vez comentado en clase puidemos ver que se trataría xa dun proxecto grande que requiriría de longo prazo para a súa preparación. Unha tarefa sería elaborar o cartón de convite para a festa, sen embargo, nós pensamos nunha serie de tarefas que require a planificación do proxecto, algúns exemplos poderían ser aprender a presentarse ou convidar, así como os procesos cognitivos que implica o proxecto como a estimación dun orzamento, listar ou manifestar opinións e preferencias. Ao final pensamos que poderían facer unha mini representación teatral. Pero tal como digo nas liñas anteriores, isto trataríase xa dun proxecto formado por pequenas tarefas. 

Tamén se nos comentou que sempre teñen que estar as instruccións e os criterios de avaliación moi claros dende o inicio do proxecto. E para avaliar no momento da festa en clase é recomendable gravar e axudarse dunha folla de observación para apuntar aspectos requeridos. 

Persoalmente, considero que este enfoque pode resultar de grande utilidade de cara á aprendizaxe do alumnado xa que permite a proposta de tarefas motivadoras ademais de promover a súa formación e desenvolvemento no seu día a día. Penso que sempre que conte cun bo plantexamento o alumnado pasa a ser fundamentalmente activo, desenvolve as competencias e aprende a traballar en equipo e a organizarse. Sen embargo, quero facer fincapé na necesidade dun bo plantexamento non só para que o alumnado entenda ben as instruccións senón tamén polo feito de que aplicar este enfoque en exceso pode resultar contraproducente. É dicir, este enfoque require de moito traballo e atención co cal o alumnado non podería desenvolverse se se lle propón un proxecto en cada asignatura ao mesmo tempo. 



lunes, 23 de enero de 2017

APRENDEMOS SOBRE CALL

Nesta entrada quérovos contar de qué falamos nunha das sesións  co profesor Carlos Valcárcel. Pois ben, estivemos aprendendo sobre a didáctica CALL, cuxas siglas fan referencia a Computer Assisted Language Learning.

Comezamos a sesión reflexionando sobre qué sabemos sobre CALL, qué usamos e qué queremos saber. A verdade é que ao querer contestar estas preguntas sentinme un chisco perdida porque dende o meu punto de vista parecíame que non sabía nada e que quería sabelo todo en xeral. Afortunadamente, según fomos debatindo logo en grupos todos puidemos comprobar que algo si que sabiamos, algo si que chegamos a empregar nalgún momento das nosas vidas e por suposto queremos seguir aprendendo máis e máis.

No meu caso, podo afirmar que gracias a un curso que fixen de ELE o ano pasado e tamén coa materia de Innovación deste mestrado puiden coñecer e aprender con ferramentas moi prácticas como o son Easelly, Audacity, Wordle, Padlet, a creación de Webquests e MOOCs … pero se tivese que destacar unha ferramenta moi útil para todo usuario e navegante da que me declaro un pouquiño adicta, esa é Symbaloo. Nesta ferramenta podes recolectar moreas de enlaces web que non queres perder podendo acceder a eles de maneira rápida. Dende que a coñecín non deixo de usala para almacenar enlaces de interese de maneira sinxela. Tamén hai que decir que non son precisamente unha grande usuaria destas ferramentas e por ende lévame algo de tempo adaptarme e coñecer o funcionamento de cada unha delas, pero así é como mellor se aprende claro !

Tamén falamos de outras ferramentas que polo feito de ter certa fama e boa sona pois todos coñecemos, aínda que non cheguei a ser usuaria de Babbel sí o fun de Duolingo por exemplo. Son ambas ferramentas interactivas para a aprendizaxe de linguas aínda que no caso de Duolingo debo engadir que funciona para aprender a lingua a niveis máis ben baixos, o que non quere decir que sexa unha aplicación mala xa que ata cando acadamos os niveis altos nos pode servir para lembrar coisinhas de vocabulario ou así que nos quedaron no esquecemento sen decatarnos.

Considero interesante engadir unha ferramenta que usei fai uns anos, chámase Lang – 8 e serve para practicar a competencia escrita. Unha vez que te rexistras, é preciso indicar qué linguas queres practicar e cal é a lingua inicial. Desta maneira, usuarios nativxs das linguas que practicas corrixen e axúdanche a mellorar e pola túa parte fas o mesmo coa túa lingua inicial. Paréceme unha maneira de practicar e aprender a escritura de xeito libre.

Mentres falabamos destas aplicacións e ferramentas aprendemos unha cousiña nova chamada ludificación, en inglés gamification. Trátase de dar puntos, insignias ou privilexios para incrementar a motivación. Emprégase en educación infantil dende fai moito tempo e estase adaptando para os adultos en aplicacións e ferramentas de aprendizaxe. Por suposto, tamén é unha estratexia practicada no mundo laboral.

Alén disto, falamos doutros aspectos a ter en conta como o feito de que as novas xeracións nacidas dende o 95 son nativos dixitais e que polo tanto teñen unha gran axilidade coas tecnoloxías. Outro detalle que non podemos esquecer é que o uso de tecnoloxías non implica que se enfoque en novos métodos, de feito, o CALL non é unha metodoloxía determinada senón un enfoque didáctico.

Como ía decindo antes, sabiamos pouco e pretendemos aprender máis. Por iso nesta mesma sesión aprendemos que cando falamos de CALL vai directamente relacionado co e-learning, e ámbalas dúas teñen unha serie de potencialidades:
  • Aprendizaxe ubiqua: a través de dispositivos conectados e móbiles, pódese traballar dende calquera sitio e en calquera momento. Implica bastante reformulación en canto a interacción co alumnado e os horarios.
  • Aprendizaxe activa: o papel do aprendente é a aprendizaxe activa tanto cos compañeiros, co profesor e co propio contido da web editando materiais como vídeos ou textos.
  • Comunicación multimodal: tanto o profe como o aprendente prepara contidos.
  • Feedback recursivo: cada aprendente pode interaccionar co profesor. O profesor pode introducir unha serie de técnicas como comentarios en redes sociais ou foros. 
  • Aprendizaxe colaborativa: trátase dunha potencialidade. Tamén hai maneiras de traballar de maneira autónoma e individual. Pero con esta potencialidade pódese traballar en grupo sen ter que estar presentes fisicamente, traballar en equipo de maneira online.
  • Metacognitivo: reflexionar mellor sobre como estamos aprendendo
  • Aprendizaxe diferenciada/personalizada: permite ver bastante ben a progresión do alumnado e o seu nivel así como crear actividades personalizadas de reforzo dependendo das necesidades do alumnado.
  • Responsive design. Deseño adaptado: Tense que ver ben. Usamos teléfonos, tablets, notebooks, portátiles etc. O interface ten que ser ben coñecido polo alumnado e que sexa usable, non debe complicar o traballo senon facilitalo. Ten que estar de maneira adaptable a todos os dispositivos. Hai que usar ferramentas adaptables porque o alumnado ten bastante tendencia a empregar os teléfonos móbiles para traballar. 
  • Tempos de aprendizaxe: síncrono, cando aprendemos xuntos ao mesmo tempo e ritmo. Asíncrono, pola contra, xuntos pero a distinto ritmo e en tempos diferentes. Pode haber chats síncronos e asíncronos. Sempre é fundamental á hora de planexar actividades ter en conta se van ser síncronas ou asíncronas.
Ademais, trátase dunha didáctica bastante flexible e ofrece diferentes modalidades:
  • Full E-learning: pode ser síncrono ou asíncrono
  • Bended Learning ou Flipped Classroom: exténdese cada vez máis rápidmente no mundo das linguas e a aula invertida (flipped classroom). Pódese facer blended learning con calquer tipo de metodoloxia. 
Para os aprendentes tamén existe unha variedade de opcións:
  • Pequenos grupos: pódese atender persoas en hagout sen problema.
  • One-to-one: expansión total. De maneira online.
  • Grandes grupos: cando xa son moi grandes os grupos hai q usar un Learning Management System, e empréganse MOOCS.
  • Comunidade de aprendizaxe: hai un syllabus cuns obxectivos fixados, por exemplo nós en clase. 
  • Comunidade de práctica: crease un grupo de xente nalgunha rede social tipo Facebook que quere practicar inglés. Hai comunidades de prácticas que apoian aplicacións e os seus foros. Normalmente nas comunidades de prácticas tan só un 1% crean materiais e contido. É a regra do 90-9-1, asi funcionan as comunidades: hai un 90% que só contempla na comunidade e non colabora realmente, o 9% apoia e anima ao 1% que crea e participa de maneira activa na comunidade. O 90% son lurkers, xa que só contemplan e non participan realmente na comunidade, hai ocasións na que logo pasan a formar parte dese 1% e comezan a participar.
Ademais, existe unha variedade de ambientes de aprendizaxe:
  • LMS: Learning Management System, por exemplo a páxina que usamos nós de Faitic ou a rede social Edmodo.
  • Blogs: moi extendido o seu uso. O noso é un blog de aprendizaxe. Pero tamén hai blogs de aula onde se comparten documentos e información para os pais, podeos usar so o profesorado ou profes e alumnado.
  • Redes sociais: increméntase o seu uso dende o ano 2010 a pesar de que non están pensadas como un Learning Management System. Hai redes sociais que todo o mundo coñece e outras que non son tan populares. O profesorado tende a usar redes sociais que coñeza o alumnado para que poidan manexar fácilmente a súa interface. Pódese usar facebook que, tal e como vimos en clase, semella que funciona realmente ben ofrecendo unha aprendizaxe amena e diferente tanto para o alumnado e o docente. Resulta moi importante que todo o que se publique conteña imaxe ou vídeo para manter constante o nivel de atención e curiosidade e así participen de maneira activa.
  • Ambientes colaborativos: wikis, muros, presentacións, muros colaborativos como Paddlet, etc.
Considero que o CALL ofrece un abano de variedades enorme que, empregadas correctamente, poden arroxar moi bos resultados tanto para o proceso de ensino-aprendizaxe como para ser usuarios no noso día a día. Para axilizar as horas de traballo é recomendable ter sempre presente que ...

CANTA MÁIS INTERACCIÓN PERMITA E MÁIS FÁCIL SEXA A INTERFACE DE USAR MOITO MELLOR PARA A SÚA FUNCIONALIDADE !




domingo, 22 de enero de 2017

TIPOS DE DIDÁCTICA E TRATAMENTO DO ERRO

Bom día a todos!

O 11/01 tivemos clase con Carlos Valcárcel e puidemos ver que se debe fomentar a amplitude do repertorio lingüístico na comunidade para evitar a exclusión.

Nesta sesión estivemos vendo os tipos de didáctica que podemos atopar:
  • Didáctica da lingua inicial. Os materias que se empregan non sempre son os adecuados para o nivel do alumnado, especialmente para o nivel das crianzas.
  • Didáctica para a lingua segunda (ambiental). Aplícase en Canadá por exemplo e tamén nos plans de formación para a poboación inmigrante. Caso de Canadá cos Refuxiados
  • Didáctica da lingua estranxeira. Trátase da que estamos aprendendo nós durante estas semanas. O inglés cada vez mais deixa de ser unha lingua estranxeira e pasa a ser unha segunda lingua ambiental. Resultaría redundante a ensinanza dunha lingua estranxeira cando xa a están adquirindo a través do seu entorno, por exemplo a través do tempo de lecer empregando os videoxogos.
Ademais, tamén puidemos ver que existen tipos de didáctica híbridos que se adaptan a situacións determinadas:
  •  Didáctica CLIL (Content and Language Integrated Learning)
  •  Aprendizaxe precoz das linguas estranxeiras. Para aprendices de educación infantil e primaria. As linguas comezáronse a ensinar con carácter obligatorio no ensino secundario (a partires dos 11 anos) na educación pública no ano 1854.
  • Linguas estranxeiras para fins específicos. É unha metodoloxia especifica na que se traballa a didáctica da terminoloxia. Resultou interesante ter falado en clase que deberían ter incluído no mestrado algunha asignatura referente a isto xa que se nos imos dedicar á ensinanza das linguas estranxeiras será máis que probable que teñamos que traballar neste eido terminolóxico. Persoalmente, considero que no caso de telo incluido precisaría dun bo plantexamento. No meu caso tiven en cuarto de filoloxía Fins Específicos enfocado no Business e a verdade e que aprendemos máis ben pouco, xa que se trataba dunha asignatura máis de lingua inglesa na que se facían exercicios de gramática e actividades dun nivel bastante baixo en comparación co que levabamos traballado noutras materias.
  • Linguas estranxeiras para seniors. A partires de 55 anos. Cada vez máis nestas idades queren aprender unha lingua estranxeira, xa que o recomendan moito para a saúde neuronal e memoria. Cada vez lánzanse máis programas deste tipo. Tamén se están lanzando actividades de turismo lingüístico, por exemplo cociña con chocolate e francés ou golf e inglés. Pareceume moi interesante este tipo de didáctica xa que penso que ten aportarlle moito ao docente o feito de traballar con actividades que claramente misturan o lecer coa aprendizaxe da lingua. Considero que debe tratarse dunha experiencia que vale a pena probar.
Tamén me pareceu do máis interesante un aspecto que falamos en clase e considero que son posibilidades que se non te informan de que existen pois igual non se chegan a descubrir nunca. Contóusenos que se poden facer programas de actividades para diferentes públicos e vendelos en asociacións para polos en funcionamento, paréceme unha opción a ter en conta xa que nalgún momento dado pode servir para traballar diferentes aspectos da lingua e tamén as necesidades dependendo dos discentes. Ademais, tamén se nos dixo que era recomendable traballar nalgún momento en ciclos xa que o alumnado tende a estar moi consciente da necesidade das linguas. Penso que este tipo de detalles e información que se nos da nas clases resulta do mellor que se nos pode aportar xa que como veño decindo, é coñecemento práctico que so se adquire coa experiencia e con tempo e non se atopa nun manual de teoría, senón máis ben no manual da vida e do curso do tempo.

Para por un pouquiño en práctica este coñecemento fixemos unha actividade na que había que establecer qué tipo de didáctica se empregaría en diferentes situacións e estivemos debatindo ata concluir que a realidade trata de adaptarse á unha metodoloxía pero tamén aos enfoques didácticos que se precise dependendo da natureza da clase de inglés en cuestión.

Alén disto, durante esta sesión traballamos algo que nos preocupa a todos en xeral, é o tratamento do erro. Desta maneira aprendemos que hai dous tipos de orixe para os erros: ou ben por contacto e transferencia negativa da lingua inicial ou por analoxía. Se é por analoxía significa que hai moita adquisición e a estructura da lingua, haberia que dar gramática implícita. Se é transferencia negativa require dunha maior contextualización para que se convirta nunha transferencia positiva. Logo faltaría determinar os tipos de erros para poder traballar con actividades máis específicas xa que poden ser sintácticos, de gramática, ortografía, etc. Resulta moi importante facer unha avaliación diagnóstica para saber a lingua inicial e tamén é fundamental ter clara a progresión das fases de adquisición, o tipo de lingua inicial e o da lingua meta.

Durante a aprendizaxe traballamos de maneira cíclica basada en INPUT – ENSAIO – ERRO. Por iso é fundamental a análise do erro para saber localizar en que fase do camiño nos atopamos. A partir do erro surxe a aprendizaxe tamén. Non hai output sen input. Se non hai output non hai progreso. É preciso ter un bo input e logo práctica e erro para chegar a un bo output. É fundamental integrar para fomentar o output. Se non se anima e se recoñece que se está logrando output xenérase bloqueo e frease a motivación para seguir producindo. Cando o falante está cometendo erros está facendo hipóteses e construindo o seu inglés, como se estivese construindo un castelo. Se unha peza está mal colocada non botas abaixo todo o castelo senon que reparas esa peza mal colocada para seguir progresando na construcción. Dáselle imput para que compare e reformule. Cada nivel da lingua estranxeira posue unha serie de erros determinados. É fundamental informar ao aprendente dos erros que comete para que os visualice. Non podo deixar de incluir esta metáfora do castelo que se dixo na clase porque sei que a partir desa imaxe interiorizo estas ideas dunha maneira moi eficaz.

Fixemos unha actividade por parellas na que se trataba de escribir cada un de nós unha oración mal formulada e comprobar como nos correxiría @ nos@ compañeir@. Foi moi útil e tamén visual, unha maneira de convidarnos a reflexionar sobre a nosa propia experiencia e de lembrar como as cousas tachadas en vermello resultaban un tanto violentass e desmotivadoras.


Así, aprendemos que o vermello pode resultar un método agresivo. Falamos dunha opción que me pareceu realmente boa e que podería funcionar dunha maneira moi positiva, trátase de empregar diferentes cores en función do tipo de erro cometido. Sería práctico para o alumnado para ver claramente en qué aspectos precisaría un maior esforzo e se facemos que reformulen a aprendizaxe resultaría máis eficaz.
En conclusión é importante ter en conta que ... 

CORREXIR É TRATAR O ERRO E DAR FEEDBACK !

miércoles, 18 de enero de 2017

Ola de novo ! Cóntovos un pouquiño, durante este mes de Xaneiro estaremos traballando a asignatura de Didáctica das Linguas Estranxeiras...xusto unhas semanas antes de comezar as prácticas !
Polo de agora esta nova asignatura pinta moi ben.
Entón, o luns día 9 tivo lugar a primeira clase na que se nos presentou o funcionamento da asignatura en xeral e debatimos un chisco sobre as expectativas que temos ante ela. Coincidimos todos en que agardamos recibir coñecementos prácticos xa que durante os meses anteriores foi todo cun enfoque máis teórico.
Este primeiro día de clase introducimos a asignatura falando da lingua inicial, da segunda lingua ambiental e das linguas estranxeiras. Para ver os aspectos en común e as diferencias entre a lingua inicial e a lingua estranxeira mandóusenos debatir en grupos, para logo establecer as ideas e escribilas no taboleiro. Desta meneira, puidemos ver algunhas características moi interesantes como que a lingua inicial se adquire de maneira natural mentres que a lingua estranxeira escóllese por motivacións específicas da man de cada individuo. É preciso ter en conta que o caso do inglés ven imposto en xeral dado o nivel de crecemento claramente notable nesta lingua estranxeira. De feito, xa se pode tratar a lingua inglesa como unha lingua ambiental. Quedounos no taboleiro un esquema que nos resume moi ben as ideas tratadas nesta actividade, tanto que achego unha foto para que comprobedes que non minto.




Outra actividade moi interesante que fixemos foi traballando en pirámide, na que empezamos debatindo en pequenos grupos as linguas estranxeiras que estudamos para logo ir ampliando os grupos e rematar pondo en común que todos manexamos o galego, castelán e inglés. Logo tamén se nos asignaron unha serie de casos que tivemos que analizar e pensar qué linguas se ian manexar en cada situación. Por exemplo, no noso grupo puidemos ver que se te atenden no Zara do Marineda City o máis probable é que te atendan en castelán a pesar de que ti te dirixas en galego. Pola contra se o cliente se dirixe en inglés, farán un esforzo por comunicarse nesa mesma lingua. Outro exemplo foi comprobar que na empresa de Citroën aquí en Vigo empregan a lingua francesa.

O funcionamento destas clases paréceme moi ameno e realmente útil a verdade. Considero moi bo traballar así porque á vez que se nos imparte contido da asignatura tamén podemos ver o funcionamento de diversas técnicas de traballo que podemos aplicar nun futuro. Persoalmente, as actividades de debate en pirámide resultan eficaces para aprender de todos xs compañeirxs á vez que se reforza o traballo en equipo e a comunicación en grupo.

Gustoume que se trate a lingua materna denominándoa lingua inicial xa que me parece un termo moito máis adecuado. De feito, isto lembroume a un poema que tratamos en clase de colonialismo en 3º de carreira. Poema que en sí non me gustou pero si atopo interesantes as ideas de colonización e da contraposición que fai coa lingua inicial e a estranxeira (sempre relacionado neste poema coa colonización claro). Por se resulta do voso interese, déixovos por aquí a Marlene Nourbese Philip recitando as súas liñas, Discourse on the Logic of Language.