Nesta sesión volvéusenos lembrar que as actividades de warm-up teñen que ter sempre relación coa temática da unidade didáctica que se está dando. Unha vez que nolo din parece como algo moi evidente pero a realidade é que se non o pensamos e non organizamos ben o que imos traballar é máis que probable que non logremos esa conexión entre unha cousa e outra.
O warm-up desta sesión foi o crossword. De igual maneira que nós puidemos ver curiosidades sobre xs nosxs compañeirxs, o alumnado podería traballar adxectivos e cualidades aplicables a compañeirxs, á aula, ao centro en xeral, etc.
Por outra banda, gustoume ter aprendido a necesidade de chamar continuamente a atención e curiosidade dos alumnos e comprobar que isto se logra se implicamos algo de información persoal. Ademais, considero que se o/a docente tamén se da un chisco a coñecer rompemos con ese mito que sempre temos como alumnado pensando que os/as docentes non teñen vida máis alá das aulas. Sen esquecer por suposto que son detalles que aumentan a cercanía ante o alumnado e un mellor ambiente na aula.
NO REAL INFORMATION GAP, NO STORY
Alén disto, resulta que ao entrar no link de AKINATOR caín na conta de que xa o coñecía. Paréceme que é un bo xogo para empregar de cando en vez xa que fará que o alumnado se centre na clase se vemos que están dispersos e que non hai maneira de calmalos. Curiosamente, coñezoo dende fai uns anos e sorprendeume porque o xenio do xogo é capaz de darche resposta para todo mentres eu pensaba que se trataría dunha tontería calquera (cando xoguei daquela).
Tamén se nos recomendou a película THE ARRIVAL (La Llegada) xa que dende o punto de vista lingüístico pode resultarnos moi interesante. Xa van varias persoas que me fan esta reomendación así que non tardarei moito en vela.
Outro material interesante para empregar en clase e sacarlle o máximo partido son fotos que sexan o máis chamativas posible. Puidemos coñecer a obra da fotógrafa DINA GOLDSTEIN e sen dúbida considero que é imposible resistirse a aproveitar o seu traballo.
Penso que a importancia dos materiais que se empreguen reside na funcionalidade que aportan para que o alumnado aprenda sen estar pensando en todo momento no aburrimento dunha clase. Xogos que o alumnado coñece como o Tabú penso que son do mellor que se pode facer para traballar a fluidez á hora de expresarse ademais de entrenar a mente para buscar o máis rápido posible opcións para referirnos a unha mesma cousa. De feito, considero que son de moita axuda nos casos nos que o alumnado memoriza todas as frases nun role play e precisa coller soltura. Sen dúbida, pódese conseguir moita mellora se logramos que o alumnado aprenda e mellore nun ambiente disfrutado por todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario