sábado, 28 de enero de 2017

1ª Sesión con Ana

Fai cousa duns días tivemos a nosa primeira sesión coa profesora Ana. Antes de comezar a reflexionar sobre os principais aspectos desta sesión teño que comentar unha pequeniña opinión que pode que sexa out of place. Resulta que agora que xa coñecemos ás dúas profesoras que imparten clase en educación secundaria sinto envexa pola sorte que ten o alumnado cando ten profesorado competente que lles FALA EN INGLÉS. Persoalmente, a pesar de que sempre tiven moi bo profesorado, teríame gustado que as clases de inglés fosen impartidas nesa lingua e non en galego a maior parte do tempo. Entendo que sexa necesario facer pequenas aclaracións ou mesmo explicacións en caso de que non se entenda algo, pero a min falábanme prácticamente seguido en galego e claro, debido a isto ao comezar a carreira alucinaba mentres gran parte da clase viña xa con este hábito adquirido. 

Isto lévame a un aspecto que falamos nesta sesión: é factible lograr que todo o alumnado fale na clase polo menos unha vez. Resulta algo que aínda non acabo de visualizar claramente, xa que se tivese que pensar nalgún dos motivos polos que o profesorado de inglés nos falaba en galego era porque sempre había alguén que non había maneira que dixese algo ou lograse ler máis alá dun número reducido de liñas. A verdade é que se o penso, non sabería moi ben como afrontar este obstáculo xa que lembro que o pasaban realmente mal cando o/a profesor/a lles metía algo de presión para expresarse en inglés. 

Por outra banda, os xogos de warm up en xeral parécenme unha maneira perfecta para facer que o alumnado se motive para participar activamente na clase. E por se isto fose pouco, os xogos tipo The Chain tamén ofrecen a vantaxe de obter información uns de outros facendo así unha maior unión para traballar en equipo e funcionar nunha boa armonía na que se inclúe a/o docente. 

En canto ao papel do/a docente considero importantísimo o feito de que debe ser respetado pero dende o punto de vista do valor que ten como profesional e non por imporse ante o alumnado. Ademais de que me parece fundamental iso de que o alumnado se debe motivar cando ven a/o docente chegar polo corredor na contra de lamentarse. Penso que se debe promover un ensino motivador e inspirador, un ensino que guste e que non represente un castigo estar unhas horas insoportables no centro. As miñas lembranzas en secundaria móstranme que ata o alumnado máis revirado acaba recoñecendo a valía do/a docente competente. 

O aspecto da motivación paréceme básico por suposto. Trátase de espertar continuamente a curiosidade no alumnado, que se poidan cumplir metas que se fixen con cada asignatura,  fomentalos e darlles iniciativa para que poidan superarse cada día. Penso que a maioría das veces que a asignatura de inglés non gusta está relacionado coa actitude do/a docente e co funcionamento das clases. En moitos casos o papel do/a docente céntrase en prestarlle demasiada atención ao alumnado que ten un nivel máis baixo, iso pode resultar moi negativo se se enfoca de maneira incorrecta. Unha boa maneira de axudar ao alumnado con nivel máis baixo sería facer que empecen falando por parellas e en pequenos grupos e logo xa en clase de maneira xeral. É dicir, ás veces hai casos nos que o alumnado non se atreve a falar tan fácilmente para toda a clase sen ter algo de warm up previo. Cousa que nas clases tradicionais de inglés non se atopa facendo que toda a sesión resulte máis seria e aburrida. Non se trata de que as clases sexan simplemente xogar pero sí que poidan apreciar que as clases sexan amenas e dinámicas, onde se divirten, teñen curiosidade e aprenden ao mesmo tempo. 





Alén disto, gustoume poder ver que os mesmos materiais se poden adaptar aos distintos niveis e que funcionan se se axusta o output que se quere obter. Moitas veces cando vemos un determinado material o descartamos pensando que igual é demasiado ou incluso moi pobre para os niveis altos, sen embargo, nestas sesión puidemos ver como isto depende da perspectiva coa que se vexa e dos obxectivos que nos propoñamos en cada nivel. 

Ao mesmo tempo, no referente ao traballo con audio, chamoume a atención esa fase de pre-escoita co propósito de activar coñecementos previos e contextualizar así a temática do audio. Resulta un paso que lle resulta de gran axuda ao alumnado e a verdade e que nunca me parara a pensar na existencia desta fase nin tan sequera son consciente de se o chegaron a facer algunha vez durante o tempo que fun alumna. 

Para rematar, gustaríame destacar as variedades que aprendemos de Dictation xa que supón unha maneira diferente e elimina esa idea de rutina á hora de facer un dictado. Tamén penso que debe ser de gran utilidade rematar algunha que outra clase con actividades de bell-work, o feito de  escribir o vocabulario que se aprendeu despois desa sesión semella moi ilustrativo para axudarlles a aprendelo, pódese facer dunha maneira moi dinámica traballando de maneira individual ou en grupo, e tanto en papel como no mesmo taboleiro. Ademais, parécenme de gran utilidade os consellos dados ao longo da sesión así como a inclusión de ferramentas e videos como o de Jamie Keddie, un referente ben interesante, podemos ver aquí como fala do seu videotelling. 

1 comentario:

  1. Parabéns! recopilastes perfectamente o que dixemos na sesión. Alégrome de que moitas das cousas, que para ti foron novidades, as interiorizaras e teñas intención de usalas nas túas clases.

    ResponderEliminar